Santiago.21/2/2022
ABANCA e a Asociación de Comerciantes Compostela Monumental veñen de asinar un acordo de colaboración co foco posto na reactivación económica e comercial da zona fundamentalmente a través do crédito.
O acordo foi asinado esta mañá en Santiago de Compostela por parte do director de zona de ABANCA na capital galega, Ramón Mariño e do presidente da Asociación de Comerciantes Compostela Monumental, José Manuel Bello. Ao acto tamén asistiron o coordinador institucional de ABANCA na Coruña, José Manuel Vilariño, e o director da oficina de ABANCA na rúa das Orfas, Pablo García.
Mediante este acordo, os comerciantes do casco vello da cidade compostelá terán acceso a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas no mercado. Os asociados poderán contratar produtos como préstamos persoais, pólizas de crédito, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial.
No texto especifícase a posta a disposición do colectivo dunha serie de produtos e servizos deseñados pola entidade bancaria, como as tarifas personalizadas na alta e mantemento dos dispositivos TPV físicos e virtuais e o acceso á banca electrónica.
A entidade financeira reforza o seu compromiso cos comerciantes adheridos e co sector a través da activación das liñas de financiamento oficiais do organismo público do ICO e as SGR galegas. Tamén terán acceso ao Programa Servizos ABANCA, que lles permitirá aforrar no pagamento dos servizos bancarios máis habituais.
ABANCA mantén un especial apoio ao comercio de proximidade na comunidade galega e acércase ás súas necesidades mediante propostas deseñadas a medida. A maiores, o banco participou en decenas de actividades, tanto a nivel local como autonómico, dirixidas a incentivar as compras no comercio local. Así mesmo, a entidade financeira conta con xestores especializados en Negocios que posúen coñecementos específicos para este colectivo e que traballan man a man con estes establecementos.