Santiago. 1/4/2025
O departamento de Comercio do Concello de Santiago de Compostela confirmou que este ano se levarán a cabo dúas campañas do programa Bonos Corazón, sendo a primeira delas no mes de maio e a segunda en outubro. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, destacou que esta decisión responde á demanda do sector comercial, co obxectivo de incentivar as compras nas dúbas etapas do ano nas que tradicionalmente se rexistra unha baixada nas vendas.
A Xunta de Goberno aprobou hoxe a convocatoria do procedemento de concorrencia para seleccionar a entidade colaboradora que se encargará da entrega e distribución das axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo no comercio e na hostalaría local a través dos Bonos Corazón Compostela 2025. Esta iniciativa contará cun orzamento total de 600.000 euros, que se distribuirá en dúbas fases: a primeira a comezos de maio e a segunda en outubro.
Na edición de 2024, os Bonos Corazón contaron cun orzamento de 450.000 euros e lograron mobilizar un volume de vendas de case 1,5 millóns de euros. Ademais, participaron na campaña un total de 552 establecementos adheridos, e distribuíronse 22.500 bonos, que foron adquiridos por 8.780 persoas.
A concelleira María Rozas salientou que os Bonos Corazón están a cumprir o seu obxectivo de dinamizar os negocios locais e atraer nova clientela. “Cumpren o seu obxectivo de dinamizar os negocios locais e dar a coñecer, diante de nova clientela, a calidade do noso tecido comercial de proximidade fronte á auxe das compras online e das grandes superficies”, comentou.