Compostela Monumental é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1992 por un grupo de empresarios do casco histórico cun obxectivo claro: defender os intereses do sector económico da zona vella da cidade compostelá.

A partir do 98 a tarefa máis importante foi orientar todo o traballo da asociación cara a busca dunha fórmula que viñese situar a oferta económica do casco histórico compostelán á altura de calquera das outra zonas comerciais da cidade en termos de competitividade e calidade.

Baixo estas premisas xorde o Centro Comercial Aberto Compostela Monumental que fai do casco histórico compostelán non só unha zona arquitectonicamente envidiable senón unha zona economicamente solvente e productiva.

O proxecto, pioneiro en Galicia e no que participan 245 establecementos, consiste na unión dos pequenos empresarios da zona monumental para ofrecer os servicios e vantaxes que pon a disposición do cliente unha gran superficie.